agamac@hotmail.com
Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica
582 vistas 3 minutos

Saúdo do presidente

Moitas gracias por observar o que intentamos dende AGAMAC, que non é máis ca aportar un grao de trigo á creación dun medio rural dinámico e cohesionado… case nada.

Nun mundo global onde enfermidades pandémicas tan poderosas coma a envexa, o auto-odio ou a ansia insaciable de poder destrúen monumentalmente a humanidade, nace AGAMAC, baixo o lema “COIDAMOS DA TERRA”, co fin último de: “ AUMENTAR A AUTO ESTIMA DO TRABALLADOR DO MEDIO RURAL”, e para enxalzar a necesidade da valorización do traballo no rural, fonte de riqueza integral e sostible para todos, que como base produtiva non especulativa fomenta o emprego de calidade, e que, en definitiva contribúe firmemente á auténtica calidade de vida, neste mundo, tan “moderno” que inda permite que morran nenos de fame…

Hai quen pensa que a introdución das máquinas no rural foi o principio do fin do mesmo, por destruír a necesidade de cooperación entre as xentes, pero, o movemento evolutivo esixe retos constantes, así coma adaptación ós mesmos, e o maior reto que certamente afrontaron as máquinas que nós impedimos que se convirtan en residuos (ou incluso en móbiles especulativos) foi o de reducir a fame no mundo. A maquinaria agrícola, liberou ao home, á muller e aos animais, da escravitude do traballo directo da terra, converteuse en clave decisiva na cadea de produción de alimentos, emprega a persoas en moi distintos sectores (investigación, desenvolvemento, innovación, fabricación, marketing, comercialización, distribución, recambios, combustibles, lubricantes, etc. etc.), e faise imprescindible en épocas de recesión económica, onde se empeza a pensar cales son as necesidades básicas, como por exemplo, comer.

AGAMAC, gracias á ilusión e entusiasmo dos seus socios, logrou retos coma por exemplo peregrinar por primeira vez na historia a Santiago con tractores, o concepto de malla con gran exposición (Orbazai 2008), crear un premio a proxectos de enxeñería en mecanización agraria, ou colaborar coa Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) e co Goberno do Estado (Ministerio de Medio Rural) para conservar vehículos clásicos agrícolas ao amparo do programa Renove de tractores. Na súa filosofía está innovar, ata neste sector, e con cada evento que faga, teñan por seguro que intentará “crear”, non “repetir” nin “destruír”.

Cun cordial saúdo.
Carlos Latas
Presidente de AGAMAC.